SAN XURXO 2010
Hai 13 anos, en 1997, xurdía, na nosa Parroquia de San Francisco Xabier, o Grupo Scout Stoas co fin de mellorar a situación social dos nenos e mozos do barrio. Agora en 2010 o grupo segue traballando nisto e tivo, ademais, o pracer de organizar o “San Xurxo”.
Éste é un evento no que tódolos scouts de Galicia reúnense para celebrar o seu patrón, para coñecerse, compartir experiencias e para celebrar que teñen un proxecto educativo común, uns obxectivos comúns. A axuda aos demais, formar persoas críticas coa sociedade e capaces de analizala, deixar as cousas mellor do que as atoparon ou construir un mundo mellor son algúns dos principios que nacen no interior de nenos, mozos e responsables scouts.
Así os pasados 23, 24 e 25 de abril, 220 scouts trasformáronse en piratas para compartir experiencias, vivir en comunidade a súa fe e por suposto pasar un divertido fin de semana coa intención de atopar Libertalia, o paraíso pirata. O día 23, á tardiña, foron chegando ao gran navío, o Centro Social da Sagrada Familia, os diferentes grupos procedentes de toda Galicia. Cearon todos xuntos e realizaron un acto de inauguración. O día 24 os rapaces, divididos en catro grupos por idades, comezaron a procura da Libertalia.
Os Lobecos ( 8 a 10 anos ) realizaron distintas probas pola Cidade Vella para atopar o mapa do tesouro. Tras isto comeron na Praza de María Pita e pola tarde fixeron, na praia, distintos xogos e unha gran gymkhana na que a diversión estivo asegurada. Finalmente, desenterraron os tesouros agochados na praia coas súas propias mans.
Os rangers ( 11 a 13 anos ) tiveron que superar moitas probas para acadar Libertalia. Pola mañá estiveron a realizalas pola zona do Paseo das Pontes. Comeron nos Xardíns de Méndez Núñez e pola tarde o xogo trasladouse a zona da Cidade Vella.
Os pioneiros ( 14 a 16 anos ) o tiveron mais difícil para acadar o obxectivo, xa que tiveron que camiñar moito e superar probas como o tiro con arco ou encher unha botella de auga cunha esponxa.
Os rotas ( 17 a 19 anos ) foron levados cos ollos vendados ata distintos puntos de fora da cidade para que dende alí chegaran ata o Monte de San Pedro, onde disfrutaron da comida. Despois pola tarde realizaron unha proba de buceo na piscina de Rialta.
Para rematar o día, as catro unidades xuntáronse nunha velada ambientada nunha taberna pirata na que destacaron os xogos populares e a ledicia por atopar Libertalia, que eran eles mesmos. Libertalia era unha forma de vida, Libertalia era o espíritu scout que estaba neles.
Xa para clausurar o evento, o día 25, celebrouse unha Eucaristía na Parroquia de San Francisco Xabier, presidida polo noso Párroco, que contou coa presencia deD. Javier Porro, Delegado de Pastoral Xuvenil da Arquidiócese de Santiago, e D. Manuel Couceiro Cachaldora, Consiliario Xeral de Scouts de Galicia. Con esta Eucaristía os scouts pretenderon compartir a súa ledicia e supuxo o colofón dun fin de semana cheo de diversión. Tras a comida, os grupos despedíronse para volver a súa actividade semanal normal nas súas parroquias. Así, o grupo Scout Stoas deu por rematado o traballo de moitos meses e volve as súas actividades normais: os sábados de 11 a 13 h nos locais parroquiais de San Francisco Xabier.