Estas parroquias queren tamén unirse á celebración do 17 de maio adicada Ás Letras Galegas cunha pequena homenaxe a escritora, poeta, dramaturga, violinista e mestra LUISA VILLALTA, facendo unha pequena referencia a sua figura e compartindo cos nosos seguidores desta web o Recital Poético dos poetas Xulio L.Valcárcel e Estíbaliz Espinosa, de xeito íntegro, que tivo lugar o xoves 16 de maio na libraría-café HOBOKEN, sita na rua Médico Durán da Cidade da Coruña.
Luisa Villalta (A Coruña 1957 – 2004)
Foi unha escritora, docente e violinista galega. Unha intelectual poliédrica que traballou en distintos campos, e en todos ben: poesía, teatro, narrativa, ensaio, música e colaboradora habitual en periódicos e revistas.
Fue unha muller amante de nosa lingua, comprometida cos los movimientos culturais e sociais como a Festa da Palabra Silenciada, e formou parte da Mesa pola Normalización Lingüística e de la Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Luísa Villalta nace na Coruña o 15 de xullo de 1957. A cidade na que residirá a maior parte da súa vida será materia principal da súa obra. No libro En concreto tomará a dimensión máis plena ata se fusionar coa propia poeta. A casa familiar situada na rúa Vila de Laxe acolle os primeiros anos de infancia. É a filla maior dunha familia de clase media, o pai, profesor mercantil, a nai, formada en comercio, imprimirán nas dúas fillas a afección pola música. Con oito anos comeza a formación no Conservatorio de Música da Coruña. Dezaoito anos despois concluirá como titulada superior de violino. Estuda no colexio das Xosefinas e remata o curso de acceso á universidade no Instituto Eusebio da Guarda en 1973-74. Ávida lectora desde a infancia, os primeiros anos de vida transcorren entre xogos nos xardíns de Méndez Núñez e na Mariña, debuxando, observando o mundo coa curiosidade dunha nena esperta e decidida nos seus propósitos, fosen estes estudar violino ou aprender a patinar en Riazor.
Nunha tarde de 1978 na contorna da Torre de Hércules soa a música de Escaino. O grupo creárase dous anos antes, os ensaios na cociña da vivenda da poeta convocan sonoridades da música galega e da celta, tamén algo de jazz, como lembra Juan Fernán Vello. No repertorio temas instrumentais e algunha peza vocal na voz de Luísa Villalta. Son composicións de Paulino Pereiro, con quen casa en abril dese ano. En 1985 entrará a formar parte da Orquestra de Santiago e posteriormente da Xove Orquestra de Galicia.
Licénciase en Filoloxía Hispánica e en Galego-Portugués pola Universidade de Santiago de Compostela en 1982. Nos anos seguintes continúa a súa dedicación á música mais tamén escribe os poemas que despois formarán o primeiro libro, publica en El Correo Gallego “Sete haikus”, edita as obras Concerto para un home só e O representante e gaña o I Certame Literario da Facultade de Filoloxía da USC. En 1988 aproba o concurso-oposición de agregados de Bacharelato, segundo denominación da época, e despois de impartir aulas en varios centros exercerá en 1991 como profesora de lingua e literatura galega con destino definitivo en Sada, no instituto Isaac Díaz Pardo. Luísa Villalta implícase nas actividades do centro, a biblioteca, o grupo de teatro, a revista, os clubs de lectura, os recitais, a aula de música… O alumnado lembra o compromiso docente da escritora, a súa defensa do ensino público e da educación como espazo de liberdade e corrección das desigualdades.
Luísa Villalta falece inesperadamente na madrugada do 6 de marzo de 2004 na súa casa, mentres durmía. Unha meninxite fulminante pon fin á vida da escritora.