Para o sábado día 9 de Agosto está programada unha excursión Á Ribeira Sacra do río Sil. Nesta viaxe visitarase Monforte de Lemos, capital da Ribeira Sacra. Nesta cidade teremos paradas especiais no “Escorial de Galicia”, na actualidade Colexio dos PP.Escolapios (Nosa Señora da Antiga), un edificio de estilo herreriano dos séculos XVI-XVII, con dúas ás perfectamente simétricas e unha igrexa central cunha xenerosa cúpula rematada en lanterna. A súa construción foi iniciada polo cardeal Rodrigo de Castro no 1593. Actualmente, é o Colexio dos Pais Escolapios e alberga unha sobranceira pinacoteca na que as xoias máis prezadas son as obras de EL GRECO. Tamén visitaremos o Monasterio Benedictino de San Vicente del Pino.
Aínda que as súas orixes se remontan ao século X, a edificación actual iníciase no século XVI. A harmoniosa praza do edificio conventual é neoclásica, tanto a súa fachada como o claustro. A igrexa monacal, de portada renacentista e interior gótico de transición, ten unhas elaboradas bóvedas, e nun dos seus laterais, un coro con órgano de estilo barroco. Destacan as imaxes de Santa Ana coa Virxe e o Neno, e un baixorrelevo de orixe románica. Actualmente, gran parte do edificio monacal alberga o Parador de Turismo de Monforte de Lemos. A torre de homenaxe construída entre os séculos XIII e XV, era o edificio máis importante dentro do castelo, xa que nela celebrábanse as Cerimonias da Homenaxe, rito que unía ao señor co seu vasalo. É unha atalaia de 30 m. de altura, 13 m. de lado e muros de 3 m. de grosor.A torre e a muralla da fortaleza medieval sufriron importantes danos durante a Gran Guerra Irmandiña, (1467-1469) e foron reconstruídas unha vez finalizados os enfrontamentos.
A Ponte Vella, o Palacio Condal, o Burgo Medieval e a Xudería, así como o Museo do Ferrocarril, son outras das visitas que se poderán facer se o tempo o permite.
Despois de xantar nesta fermosa cidade, pasarase a tarde na propia Ribeira Sacra, visitando algunha bodega das moitas que se atopan na zona, así como os seus viñedos, que nestos momentos están en todo o seu esplendor, observando a grandeza dos seus acios no proceso do seu crecemento ás poucas semanas da vendima. En Doade, no Concello de Sober, subiremos ao catamarán para, durante duas horas, disfrutar da paisaxe espetacular desde unha zona nova para os nosos ollos.
Ao remate do paseo fluvial e despois da merenda, regresaremos á Coruña-
Os interesados teñen que anotarse na Parroquia, e no momento de facer a reservava deben abonar a viaxe.
EXCURSIÓN Á RIBEIRA SACRA DO RÍO SIL
Publicación anterior